Friday 03 de May de 2024

O alumnado da Escola Infantil “A Galiña Azul” celebrou o Día do Libro na biblioteca da Laracha


A iniciativa enmárcase no programa municipal do Mes do Libro.

Na data na que se celebra o Día Internacional do Libro, esta mañá máis de setenta nenos de 1, 2 e 3 anos, usuarios da escola infantil pública “A Galiña Azul”, visitaron a biblioteca municipal da Laracha.

Na ampla sala diáfana coa que conta o baixo do edificio os cativos gozaron do contacontos teatralizado Leo e as cores, un espectáculo de Trémola Teatro que axuda aos máis pequenos a coñecer e desfrutar das cores mediante o emprego de diferentes elementos sensoriais. Ao rematar, agasallouse a cada un dos nenos asistentes cun conto.

A iniciativa foi organizada polo Concello coa finalidade de que os usuarios da escola infantil desfrutasen dunha actividade dirixida a facer que os cativos se interesen polos libros xa desde idades moi temperás. Fíxose no marco do programa do Mes do Libro, que se vén desenvolvendo nas últimas semanas e concluirá o venres co contacontos de Nerea Brey A nena que podía falar cos animais. Será na biblioteca de Paiosaco a partir das 18:00 horas, con entrada libre e gratuíta.

Deja un comentario